Vender coa etiqueta cambiada

miniature-1700602_960_720

Foto: S. Hermann & F. Richter

Unha tal Laura Huelin, experta en “narratoloxía” segundo lle entendín, clama no seu Twitter contra os autores que seguen a empregar, di, a violación dunha muller coma punto de arranque dunha novela ou coma pretexto para o engrandecemento dun personaxe masculino, e en sentido amplo contra a imaxe de debilidade que entende que adoitan ter as mulleres na literatura. Tiven que ler o fío onde o explica todo varias veces. Pregunteime en que podería andar a pensar para poñer algo así todo seguido. Concordo con ela en que non é o método máis imaxinativo que se poida atopar, e os clixés poden ser necesarios na creación artística, pero sempre con moderación, como pasa co licor de 40 graos. Como especifica que, pouco máis ou menos, lle trae sen coidado o que o resto de internautas opinen sobre a súa idea (mentalidade típica desa caste de usuarios de redes de autoestima se cadra un algo subida de máis, a de non se responsabilizar do que ceiban unha vez ceibado), non me molestei en contestar.

Con todo, direi que acho errada a oportunidade da mensaxe. Lembrei os westerns de Sergio Leone. Quitando C’era una volta il West, onde está Claudia Cardinale, as aparicións de mulleres son moi escasas e practicamente en calidade de figurantes, sen apenas diálogos nin transcendencia na historia. Préstanme moito eses filmes, mais pregúntome como terían sido con máis e mellores personaxes femininos. Lembrei tamén a única escena (aparte duns poucos segundos ó comezo da metraxe) de Get Carter na que aparece Britt Ekland, en roupa interior a practicar sexo telefónico con Michael Caine. Semella Huelin ver masivas estas prácticas, cando, non sei se por diferencia de entornos, a min me parecen, non imposibles hoxe, máis si cada vez máis cousa doutro tempo. Pola contra, noto a tendencia oposta, polo menos por aquí: contrapoñer un personaxe masculino mesquiño, normalmente branco e heterosexual, a outro feminino máis ou menos virtuoso, se non vítima, para elevar moralmente este último. Nada novo na Historia da Arte. No cinema levamos décadas véndoo: a final girl nos slashers, como exemplo maior. (Poño exemplos de cinema porque non me queda claro se a autora, que se expresa con moito anglicismo, con “escritores” se refire a novelistas ou a guionistas, ou ós dous ou a ningún.) E os slashers nunca foron a grande reserva mundial da profundidade psicolóxica, nin da calidade dun guion, que se diga.

Hoxe vemos que na literatura tamén ocorre outro tanto. Aínda pasaría se lle imitara ó que os ianquis chaman no léxico da loita libre “put someone over“: quere dicirse que dous loitadores teñen un combate de moita esixencia para os dous coa fin principal de que un deles, polo común o máis novo e prometedor, poida amosar todo o seu potencial. Mais non. Estoutras propostas literarias son coma un combate de boxeo con sparring: o único que éste, o personaxe masculino, debe saber facer é caer ben na lona, sendo a excepción cando o papel é de malo malísimo. Ó contrario do que di Huelin, é moitas veces o personaxe feminino o que se aproveita do masculino hoxe. Non é que a este o violen (!), non que eu teña lido, polo menos, pero á forza debe ser secundario respecto ó primeiro e a súa única función é a da sombra cativa antes da luzada. Os seus motivos carecen igualmente de relevancia para quen narra. Para min, hai equilibrio literario cando se amosan os motivos de todos. Cando se dá a entender que nin os bos son santos, nin os malos Belcebú. Os personaxes caricaturizados traen, pois, o desequilibrio, e o resultado é máis un discurso, ou unha ilusión, ca unha narración. Que non digo que o desequilibrio non preste en moitas ocasións, eu, que gusto dos filmes de acción de videoclub dos 80 da Cannon. O que non pode ser é vendelos coa etiqueta cambiada.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s