O fulano das novelas

fantasy-2669362_640

Foto: Gerhard Janson

Unha vez coñecín unha moza que gustaba dos libros que eu lle suxería. Así escrito, semella o comezo dunha novela de LIX recomendable para o ensino, ou dunha novela de adultos que gañaría un dos premios de seis ceros á dereita do noso chamado sistema literario. Non é tal. Pode tamén a frase evocar unha certa profundidade na nosa relación. Tampouco é tal. A realidade é que era unha camareira que atendeu durante un tempo (breve) nunha cafetería na que paraba eu algunhas veces; a cafetería estaba na Ronda da Muralla e xa non existe. Tampouco a moza tiña traza de parar moito tempo nun mesmo sitio. Eu imaxinábaa hoxe alí e pasado guiando turistas en Tenerife.

Normalmente non falo co persoal da hostelería. Son de estar nun bar, pero non de barra de bar e, aparte, a relación que se poida xerar é máis ben unha transacción, polo que, sendo eu algo esixente para certas cousas da vida, non me agrada nada a idea.

Non lembro como foi que aquela vez foi diferente. Seguramente estaba eu lendo e ela, que era moi sociable cando menos estando entre aquelas paredes, debeu reparar no libro e querer encetar unha conversa. E tampouco lembro como foi o resto, mais o caso é que acabou lendo algúns libros que eu vía axeitados para quen quere deitarse no sofá unha tarde de barruzo e matar horas. Eran novelas que se lían decontado, cómicas sobre todo. Brautigan, Vian. Arrisquei pouco nese sentido. A moza gustou delas. E de alí a un tempo, a xeito de mostra de interese común pola miña existencia, preguntábame “Que? Algunha novela?”. Acabei sendo o fulano das novelas. Ela non me chamaba así, que eu saiba, pero é o que eu era para ela.

Eu adoito recomendar libros ou filmes, cando se me consulta, a fin de que o destinatario do consello non se limite a pasar o tempo (que non é mala actividade, malia soar a contrasentido), senón que dalgún xeito tire algo do recomendado: unha nova perspectiva, un novo estilo de ila virando, unha pasaxe ou unha voz que proxectar na cabeza cando a realidade aperta xa de máis. Nunca me deu a impresión de que esta moza chegara a isto. Era coma quen viaxa e só tira fotos co móbil e vai ós restaurantes para poñerlles logo valoración online. Era a mesma. Limitárase a procesar e arquivar, as novelas e máis a min mesmo.

De alí a un tempo deixou de traballar alí. Só a volvería ver un pouco despois, nun autobús. Creo que non comprendeu por que non dei sinal de coñecela. Para min, as persoas así entran e saen, veñen e marchan coa mesma facilidade coa que o facían as novelas para ela.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s