Os distantes

Hai nun horror-western, como din por aló, coa ambición artística xusta chamado Bone Tomahawk un personaxe que é secundario e moi significativo. John Brooder (Matthew Fox, famoso pola serie Perdidos) pasea pola viliña de casas de madeira entre outeiros de Bright Hope co seu andar fanfurriñeiro e o seu traxe branco. Nótase que é persoa que non cae especialmente ben, por detalles as máis das veces. Cando o sheriff (Kurt Russell) lle dispara nunha perna a un forasteiro que se resistía ó arresto e o manda ir polo doutor, Brooder chega de volta coa encarga cumprida e fica alí de pé, ata ser despedido cun “Pode marchar” seco, reticente, sen agradecemento sequera por educación, malia verse que o seu interlocutor é persoa afable cos demais. Estando o doutor borracho coma sempre, trouxo á oficina do sheriff á segunda persoa máis cualificada da vila para tal mester, a muller do vaqueiro (home que transporta gando) Arthur O’Dwyer. En canto ela lle abriu a porta e o viu alí coa súa pose altiva, tamén se fixo ver a animadversión na súa expresión, que non nas súas palabras, como é habitual en demasiada xente.

Non son nada estraños en aparencia estes feitos, e en cambio din moito. Axiña se saberá por que. Brooder é arrogante e antipático. Non é que se meta con ninguén, mais tampouco convida a súa actitude a facer vida social con el. Cando a señora O’Dwyer sexa secuestrada por uns indios nada comúns e teña que saír da vila unha expedición de rescate, da que Brooder será parte “porque é conveniente que vaia quen máis indios matou de todos”, di el, veremos que nunca se achega ó lume canda os outros polas noites e durme algo afastado. Tardaremos en saber por que é así. El mesmo o explicará, case por descoido, como sen darlle importancia, máis adiante. Que os indios maten e violen á túa nai e á túa irmá, dirá, é algo que deixa marca nun neno de dez anos. Así, sen que se nos especifique, entenderemos, se é que temos notado no padal o sabor da infelicidade durante certo e elevado número de días ó ano, tanto a razón do seu racismo coma a da distancia causada pola imposibilidade de amosar as súas emocións, polo violentas que son, que seguramente o acompañou desde aquela.

Sempre que miro este filme lembro tamén aquel mozo co que coincidín durante un tempo. Unha noite volviamos á casa e, porque bebera ou polo que for, contoume, bagoando, daquela moza que tivera, que unha noite tratara de lle facer as beiras a outro diante dos seus mesmos nefres, borracha como estaba, e que despois volveran á casa e ela, impotente por non ter logrado o obxectivo, teimara en botalo da cama a couces. Aquel mozo era por enriba de todo contido; abonde con dicir que, dos dous, o paiaso era eu.

A xente de Brigh Hope, ó tratar con Brooder, non se preguntaría por que Brooder era como era, igual que a xente de aquí, ó tratar con aquel mozo, tampouco se preguntaría por que el era como era. A xente non fai iso. Á xente tanto lle ten. Simplemente, se atopa distante a alguén, e aínda sen esperar a coñecer o que ese alguén teña para ela, nin a comprobar se a ese cardo lle caen as espiñas acariñado pola man axeitada, non se achega, preferindo a compaña de quen se abra máis, de quen a faga rir, de quen lle faga esquecer os seus problemas. Velaí a profunda inhumanidade dos humanos emocionais. “Será se ti o dis, pero iso non é cousa miña”, replicarían se se lles explicaran as circunstancias que ignoran, coa meirande indiferencia.

O distante Brooder explicou as súas circunstancias camiño do que (atención, spoiler) sería a súa morte. Aquel distante mozo precisou de horas infrecuentes por rúas silenciosas para tal. Puidera ter sido máis doado. Abondaría con falar cos distantes sen agardar por unha ocasión extrema. Poida que non sexan, en verdade, tan distantes. Poida mesmo que os distantes sexan os que menos distantes semellan.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s