Facer o niño na árbore que vai caer

The Night Digger (“O enterrador nocturno”, máis ou menos) é un filme británico do 71, penso que bastante ignorado ou esquecido hoxe, que parece brincar el só desde a pila de discos á bandexa do meu reprodutor en días borrallentos e silenciosos coma estes. Baséase na novela Nest In A Falling Tree (“Un niño nunha árbore que está caendo”) de Joy Cowley. Non tiven ocasión de lela, e dubido que se teña publicado sequera en España. Tampouco o filme está dobrado ou subtitulado, que eu saiba. Orixinal e adaptación difiren no tocante a certos nomes e lugares (a novela ambiéntase en Wellington, Nova Zelandia; o filme, nunha vila de Inglaterra, nas Midlands, a xulgar polos acentos) e serían similares no esencial. Unha muller solteira de corenta e tantos vive basicamente para ter conta de súa nai adoptiva cega e da vida social desta. A chegada dun intruso virá cambiar a súa rutina e as súas expectativas.

No filme, Maura e máis súa nai viven nunha mansión vitoriana algo ruinosa (na realidade foi escenario de filmes de terror da Hammer; hoxe é un hotel), e durante a meirande parte da metraxe chove a caldeiros. Maura é moi dependente de súa nai: nótase no seu xeito de comportarse con ela, mestura de indecisión de nena que teme contrariar ós maiores e resignación non libre de certa amargura de adolescente que non se pode emancipar. A súa vida social é a típica da Inglaterra rural de entón: o organista do coro da igrexa, a veciña que se mete en todo ou a esposa do vicario que organiza vendas benéficas de confitura de mazá. Nótase ben que Maura detesta todo iso cunha enorme tranquilidade, ó ser consciente de que non ten máis lugar onde ir nin máis nada que facer, de que o seu tempo para aventuras xa pasou. Nestes casos, a historia demanda unha viraxe súpeta de rumbo, que aquí se materializa na forma dun vinteaneiro descoñecido que acode un día ofrecendo traballo a cambio de teito e comida. Na novela, seica o seu perfil sería o do sedutor e calculador. No filme, Billy, que así se chama, encaixaría máis no do inadaptado. Non aparenta pretensión ningunha de seducir, nin cálculos acerca de nada en particular. Afirma que só busca onde estar e é probable que sexa sincero. O que non explicou á nai de Maura, que decidiu aceptalo porque unha coincidencia de apelidos lle fixo pensar que podería ser o seu sobriño neto, é que a violación por parte dunhas xitanas sendo el neno lle deixou o efecto secundario do hábito de entrar de noite nos cuartos de mulleres novas, matalas e enterralas en solares en obras.

O que todo o mundo na súa contorna pensa é que Maura, como orfa que é, llo debe todo a esa muller severa e maliciosa, cega e feble do corazón, mesmo se iso implica deixarse vampirizar. Máis considerando que a única vez que quixo fuxir dela, para casar, e tivo a desgracia dunha hemorraxia cerebral, a única que ficou ó seu carón foi ela. (A actriz, Patricia Neal, non debeu atopar moita dificultade para preparar o papel: padecera non un, senón tres aneurismas seis anos antes, estando embarazada, por se fora pouco. Morreu en 2010.) Pero Maura sabe por que ficou, e non foi por bondade. “Esa muller nútrese da calamidade, da desgracia”, algo así di á volta do hospital onde a deixou por mor un infarto. Non é diferente a tantas outras nais da vida real que, a falta de ser quen de percibir a beleza da vida e dunha dirección vital, abrazan a decadencia con certo sadismo.

O que máis me presta da historia, por novidoso, é que, subvertindo por enteiro o canon, a muller marcha canda o psicópata. Maura rematara por sospeitar, sen lle importar, o que Billy fixo e é. El só lle contou que non está ben, e que fai cousas sen querer facelas. E pediulle que non o deixe só. E ela dille que non o deixará só. Así que manda á merda á nai, que segue hospitalizada, gañando o desprezo da tribo, quita do banco os aforros, 800 libras, uns 11 ou 12.000 euros de hoxe, reflexo evidente do tempo que renunciou a vivir, e marchan para unha cabana das Terras Altas escocesas, lugar que cadra moi ben co termo “remoto”. O final non é feliz, nin tería por que selo.

Malia a impresión que poida dar o lido, de terror e truculencia hai ben pouco nesta historia. Trata da resistencia soterrada do individuo ó papel que a sociedade lle impón, e do valor dos paxaros que, como di o título, fan o niño na árbore que vai caer. O valor dos desesperados.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s