Os verdadeiramente fortes

Foto: Arthur Halucha

Mirando o outro día Al Este del Edén, dei en cavilar no que puidera ter sido a carreira de James Dean de non se ter esnafrado no seu Porsche Spider (Dean, por certo, facía cos coches coma tantos mozos de hoxe: aquel comprárao coma “vehículo temporal”, mentres non saía ó mercado o modelo que de certo lle prestaba). Había quen non lle vía futuro porque, a diferencia do seu ídolo Marlon Brando, que tiña nocións profundas de arte dramática, Dean actuaba en base ós seus impulsos. Se cadra dicían ben. Para o momento da súa morte, xa quedara pechado na gaiola do estereotipo de rapaz atormentado e solitario. Dubido que dera ben noutro tipo de papel, ou que a xente o atopara crible. Non sería raro que tivera acabado, coma outros máis prometedores cá el, facendo serie B para os cines ó aire libre.

Nisto, lembrei unha frase atribuída a el: “Os amables son os verdadeiramente fortes”. Coincido. Máis nun mundo no que, canto máis amable é un dos interlocutores dunha conversa ou negociación, máis se reafirma o outro na súa postura, máis agresivo vira na negociación. Ser decidido, de “forte carácter” é a cousa máis doada do mundo. Cinguirse á xentileza, unha heroicidade. O decidido é recompensado, as portas ábrenselle, os demais confían nel e, facendo o chiste cos lugares común dos filmes do Oeste, acaba levando a moza, os cabalos e os dólares. O amable, o que non berra, senón que escoita paciente e conciliador, ve a súa voz afogada no boureo, e a súa persoa é considerada incapaz de facer o que hai que facer, e a moza olla como lle quitan os cabalos desde os brazos do que tamén recibiu os dólares.

(Existe unha clase de amable que si logra apoio social e prestixio, é certo. Os amables que nunca falan mal de ninguén. Os que, falando as verdades, e malia aparentaren o contrario, nunca se meten en nada. Os que procuran estar a ben con todos. Eses son os que menos me interesan. Non se pode carecer de inimigos ou detractores agás se se é unha nulidade: os acríticos son os únicos que nunca causan unha contrariedade co seu xuízo.)

A palabra admiración sempre me pareceu excesiva, pero coido que os amables que pagan a pena, os que din o que haxa que dicir sen golpes de xenio nin teatro nin asoballar son dignos de gabanza. Aparte de se manteren fieis á súa idea sabendo que non teñen futuro, e a diferencia de Dean, van contra os impulsos: os da tribo e se cadra tamén os propios.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s