Cruzar a rúa e atopar emprego

features_raintownphoto_highres

Foto: Oscar Marzaroli

Colleume a noticia da última saída de ton de Emmanuel Macron volvendo ó Raintown de Deacon Blue. Lembrara o outro día unha das cancións pensando en bares que xa non están e deberan estar. O álbum, tal vez o mellor destes de Glasgow por esa espontaneidade propia do comezo, fala do que lle quita o sono á clase obreira: a ansiedade de pagar facturas e máis facturas sen dar nunca saído da burata. Paradoxalmente, a canción, Loaded (“podre de cartos”), soaba moito na playlist dun bar máis para funcionarios e xente ben, La Fundación, que estaba preto da Praza do Campo. Eu ía por alí con certa frecuencia. Ulía sempre a perfume de limón, tiña sofás, o camareiro aparentaba non detestarte, canda o café poñíache un pasteliño no sitio de nada e mesmo había unha falsa lareira. Nos bares de clase obreira de Lugo a música, coma case todo, é infinitamente menos agradable, polo común. Neste sentido, e nunha vida da que xa non podo esperar demasiado, o meu desexo de confort e calma sempre manda á lona á conciencia de clase.

Segundo a noticia, Macron estaba nos xardíns do Elíseo nunha especie de xornada de portas abertas para o pobo, cando se lle achegou un horticultor de 25 anos desempregado e explicoulle que por moito currículo que mandaba e por moita inscrición en toda oficina ou empresa de búsqueda de emprego, ninguén llo quería dar. Dun Presidente, en tal situación, sería de prever unha mestura de comprensión condescendente e incitación irracional a seguir afundindo na lameira cunha venda nos ollos. Mais sorprendeume a solución que atopou. Amigablemente intransixente, ofreceuse el mesmo a lle atopar, mediante o único acto de cruzar a rúa, un choio dos moitísimos que segundo el había vacantes na hostalería, na construción e demais, sen máis requisito de contratación ca ter gana de dar o callo (non vin a súa cara cando dixo isto, que é difícil de dicir sen parecer un alieníxena). Aquí podería traducirse todo o anterior por un: “Non me toques o carallo e vai traballar, mangante”.

Digo que me sorprendeu porque decidiu comportarse xusto como tanto se di que é: un de tantos gobernantes actuais que viven do Estado ó tempo que comparten unha ideoloxía que persigue a súa práctica supresión en favor da iniciativa individual e privada. Ideoloxía asimilada por boa parte da clase obreira, non sei en Francia, aquí sen dúbida ningunha. O que impresiona é o seu completo descoñecemento dos límites tanto morais como do seu cargo, se foi quen de facer tal cousa cando se supoñía que a distancia que o separa dos horticultores de 25 anos debía estreitarse por un momento.

Parece que hai tempo que se cruzou máis ca unha rúa, e por aló arriba xa non se escoitan cancións sobre pagar facturas, nin sequera nos bares equivocados.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s