As prostitutas irreais

Hai series de televisión que un segue por motivos ben diferentes dos habituais. A miña é The Deuce. Sígoa en espera dunha variación no rumbo; sígoa como tanta xente vive. Cando nin se estreara o primeiro capítulo, víraa anunciada aquí e aló coma unha serie sobre a orixe do cinema porno na cidade de Nova York, pero non coma unha serie sobre o porno en NY. O matiz era importante. Quería dicirse que a trama se centraba en todo o que había arredor dese negocio, principalmente actividade mafiosa. Agradecín que así fose. A pornografía xa é, polo común e para ollos medianamente sofisticados se non media o instinto, algo moi ridículo de ver aínda estando o produto rematado, como para aínda por enriba ter que seguir o proceso de elaboración.

Encetada a segunda tempada, podo dicir que a promesa se cumpre soamente a medias. Do fai e desfai na sombra do capo de barrio Rudy Pipilo e compaña, ver, vemos pouco. A serie é o previsible na televisión, a de onte ou a de hoxe: un clixé tras doutro con algún xiro de guión intercalado para evitar a completa rutina. A diferencia márcana cousas coma a verosimilitude. Pois ben, de todos estes clixés, pareceume rechamante en particular un: a prostituta irreal.

As prostitutas que saen en The Deuce son das que cobran catro pesos e o fan con calquera onde sexa; mulleres que, malia non ser propiamente vellas moitas delas, levan botado noites sen unha triste ducha e ó frío, aceptan o seu papel, o mundo no que se moven e chegan a obrar en consecuencia. Son ou deberan ser. Porque o que se ve na pantalla son, pola contra, ánimas ignorantes de teren sido tocadas pola santidade. Viven na podremia pero a podremia nunca chegou a se infiltrar nelas. Hai unha que ten de cliente habitual un home tirando a vello que lle paga por miraren xuntos filmes en branco e negro. Só iso. Unha vez, el adormece antes ca ela, que leva présa e non quere espertalo para lle cobrar. Así que ela mesma lle abre a billeteira, colle a cantidade xusta e bule a entregarlla ó seu chulo, que agarda na rúa de moi mala ostia, pola tardanza (ela botou alí a noite) e pola susceptibilidade de ter sido estafado. El acaba por amosarlle a orde xerárquica sen violencia explícita, tirando as gafas de sol no chan e obrigándoa a recollelas e devolverllas.

Que hai de extraño no anterior? Que ela, ó abrir a carteira do dormente, non aproveitara para lle afanar sequera un billete. Nin un dólar. Nada. Na vida real, moi probablemente o faría. E non collería máis por saber que tería que volver alí máis veces. Unicamente por ese motivo.

A ficción implica tomarse máis dunha licencia no tratamento do que se chama realidade. Unha historia xurde cando nunha extensión de cor azul se introduce un ton vermello. Trátase de crear unha reacción. Se o que fas é pintar de vermello canto antes era azul, iso é simplemente un cambio de cor na uniformidade.

Da intención de maquillaxe moral falaremos outro día.

2 comentarios en “As prostitutas irreais

  1. Pingback: A verdade na literatura de gasolineira – A PEQUENA NOVELA GALEGA

  2. Pingback: (A)normalidade literaria – A PEQUENA NOVELA GALEGA

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s